martes, 2 de diciembre de 2008

As regueifas ou desafíos, a súa orixe


A regueifa é un bolo de pan, propio das vodas, feito con fariña triga, ovos, manteiga, azucre e moi ben adornado de lambetadas, que podía ser disputado de dúas maneiras: improvisando cantigas de porfía ou bailando unha muiñeira de puntos moi difíciles e artísticos. A regueifa era entregada pola noiva á persoa vencedora na disputa e esta quedaba encargada de repartila entre as solteiras e solteiros asistentes. Ás persoas participantes no xogo chámaselles regueifeiras ou regueifeiros e esta forma acabou por ser utilizada para denominar a todos aqueles que, con bolo ou sen el, nunha voda ou en calquera outra circunstancia, compiten coa palabra para demostra-la súa agudeza e capacidade de improvisación. Hoxe en día, as regueifas coñécense por ser unha cantiga entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar ou son durante o tempo que dura unha disputa sobre un tema determinado.

Estes desafíos rimados son unha forma xa moi antiga de competición festiva na que o enxeño, a simpatía, os reflexos e mailo dominio das palabras son as armas esenciais que deben usar os contendentes. Hainos en tódalas culturas e dende tempos moi recuados. Polo que a Galicia toca, e segundo nos conta Carré Aldao na súa Geografía General del Reino de Galicia, "a aseveración inmemorial de historiadores e xeógrafos romanos conta que, no país galaico, as fémias levan a palma en improvisar cántigas e tanguer, sendo as súas composicións do máis fino epigrama e de verdadeiros poemas de delicado sentimento". Este tipo de versos a varias voces pódense escoitar en Galicia, aínda que hai zonas máis ricas deste tipo de literatura popular, como pode ser o caso da costa da Morte. Así mesmo, tamén pódense ouvir en Portugal, denominándose cantares ao desafío, no Brasil e Colombia, chamados repentistas, e na Arxentina e no Uruguai hai un desafío entre payadores, mais a temática destes últimos é seria e máis poética.

Os temas da regueifas son variados, mais polo xeral, hai unha boa dose de humor, o que fai que este tipo de cantares sexan moi divertidos para tódolos públicos.

É, sen dúbida, un dos mellores símbolos da cultura popular galega e, case coma algo paradigmático, da cultura da comarca de Bergantiños. É un cantar retranqueiro, pero sen malicia. Ou polo menos, non a hai unha vez cós contrincantes verbais báixanse do escenario -agora- ou, como ocurrira outrora, unha vez que acabábase ó enfrontamento nas grandes casas de labranza.

A Bergantiños atribúeselle, case por excelencia, ser o berce dos mellores regueifeiros de Galicia. O Atrevido de Grixoa, Calviño de Tallo, Costa de Xaviña ou Carlos O Xestal foron alguns dos nosos máis destacados embaixadores. Neste momento, a comarca reduce os seus mellores activos a catro: Suso de Xornes, Fermín da Feira Nova, Antonio de Xornes e Guillermo da Rabadeira. Eles manteñen viva, polo momento, á regueifa. Pero, só iso, de momento, xa que trátase dunha arte que, de non tomalas medidas adecuadas para evitalo, extinguirase irremediabelmente. Superando dous deles a sétima década de vida e roldando os outros dous a quinta, coinciden en sinalar a falta de apego cós máis novos mostran cara a esta arte ou, polo menos, as súas escasas prácticas. «Parece que isto gusta máis fóra que dentro da nosa terra», é un sentir común da maioría dos que tiveron entre os seus breixos estes versos cargados de retranca gallega.

No hay comentarios: