Mostrando entradas con la etiqueta Ourense. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ourense. Mostrar todas las entradas

jueves, 12 de julio de 2007

Lagoa da Serpe

Lenda Galega

Na noite de san Xoán, ó amanecer, e antes de que despunte o sol, aparece unha fermosa moza de longos cabelos negros coma o acibeche, os cales peitea con indolencia, sentada sobre unha rocha lambida polas augas da Lagoa. A moza está triste e pensativa. Leva moitos anos aparecendo no mesmo lugar, agardando que un mozo solteiro se arrisque a liberala do seu maleficio.

Hai xa bastante tempo, non preciado polo narrador, prestouse voluntariamente un arriscado mozo da aldea de Xares. Co fin de facerse rico desencadenando á fermosa moza, subiu á lagoa da Serpe na noite de san Xoán, coa finalidade de desencadenala. Entre a bela dama e o mozo ten lugar o seguinte diálogo:

Mira mozo: sei que es valente e arriscado e confío no teu valor para desencantarme. Eu ó saír o sol desaparecerei e convertireime de novo en serpe. Atravesarei de novo a lagoa e cando me achegue a ti deberás cuspirme na boca, que levarei aberta. Se o fas así tornarei a ser o que son agora e romperase o embruxo, e deste xeito non sufrirei.

Mira muller: son home probado e non temo a nada. Se vin aquí é para que sexas sempre coma agora, romper o encantamento e casar contigo.

Ese será o agasallo para quen logre superar o medode verme coma unha serpe, e igualmente serán del as enormes riquezas que atesouro e o reino que me pertenece.
Comenzou a saída do sol, e desapareceu a moza e apareceu unha xigantesca serpe que cos seus silvos facía tremoar ó "teso". O cal impresionou ó mozo que, pese ó seu valor, fuxiu despavorido, esquecendo as súas promesas.

Esta lenda está recollida por D. Eduardo Ávila Bustillo en 1965, segundo o relato dunha testemuña presencial dos feitos.

A lagoa da Serpe é de orixe glacial e atópase en terras da Veiga de Bolo (Ourense), no alto da Pena Trevinca.

A lenda di que toda persoa que beba da súa auga morrerá e que se che metes nela, arrastrarache cara ás profundidades. Xa houbo un caso dunha persoa arrastrada para dentro, pero non se sabe de ninguén que morrese por beber das súas augas porque ninguén atrévese a facelo.

Quiroga, Lugo / Ribeira Sacra, Ourense


As labandeiras do río Sil
(Lenda galega)

Hai unha lenda que fala das profundas e misteriosas augas do río Sil, na Ribeira Sacra, provincia de Ourense, como un lugar de intrigantes covas e pasadizos, amores imposibles e seres mitolóxicos que moran as súas profundidades.Conta a lenda que a filla dun poderoso nobre de Quiroga gustaba de percorre-los montes dos arredores vestida con roupas vulgares, co obxecto de pasar inadvertida entre as xentes humildes.

Nunha tarde de outono atopou nun dos seus paseos un cazador mozo e lanzal, que viña de cazar un corzo coa súa bésta. A doncela, cuxa fermosura era, segundo se conta a "dunha fada", deuse a coñecer como pertencente ó castelo de Quiroga, mentres que o mancebo fíxoo como vasalo do señor de Osorio, de Castro Caldelas. Así e todo, a beleza de ámbolos dous mozos fixo que se namoraran nese mesmo instante o un do outro, acordando manter novos e apaixonados encontros.

Aqueles encontros tiñan lugar nas beiras do Sil e ó facérense frecuentes chegaron a coñecemento do poderoso pai da rapaza. Don Pedro de Quiroga, que así era como se chamaba este nobre, consideraba ós de Castro Caldelas os seus adversarios e indignos de pretenderen a súa filla, po-lo que lle prohibiu a esta que volvera a ver o mozo cazador.

Así e todo, os namorados atoparon axiña o xeito se veren, pois había un pasadizo que comunicaba o castelo de Quiroga cun túnel que pasaba por baixo do Sil e ía ata o castelo de Castro Caldelas. Sen embargo, o pai da doncela decatouse axiña do que acontecía e considerándoo unha aldraxe decidiu impor un castigo a ámbolos dous mozos.

Así pois, unha vez que os amantes penetraran dentro do pasadizo para correr un ós brazos do outro, o pai da doncela mandou ós seus homes pechar ámbalas dúas entradas do túnel cun gran número de rochas para que estas dificilmente puidesen ser outra vez abertas.

Deste xeito, ficaron, baixo das augas do Sil, os novos amantes para sempre...

Deles tamén conta a lenda que foron os proxenitores das lavandeiras, eses seres mitolóxicos que a crenza sitúa nas augas profundas deste río, e das que se cre lavan e pulen as pebidas de ouro que o Sil deposita no seu leito.

Extraída da seginte páxina Web:
Lendas de Galiza: As labandeiras do río Sil